Bo día

Sole gondar

RELATOS DE VERÁN

Sole Gondar. 47 anos. Carballo

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:51 h.

Petaron na porta e sentiu arrepíos, rechiou os dentes, as pingas de suor salgaban os beizos, as bágoas abaneaban caladiñas e mudas. Espida de sorrisos e baleira de murmuracións ficou queda escoitando, axexando aniñada, axeonllada, tremendo e non só de frío. O vento que zoaba mainiño, dobrando a esquina, deixou no peitoril unha mensaxe de melancolía que lle recordaba a tranquilidade perdida.

Unha dentada soou e os alicerces da alma ventaron o medo, non deixou de suar, mais de súpeto tornou a un seco, cheirento e espeso suor. As bágoas esvaecéronse insípidas e vergoñentas, colleu forza e berrou, coseu as ás e voou. Pechou as pálpebras con tanta carraxe contida que as pestanas atravesaron as meniñas, para non ver, por que o que non se ve, nin se oe, nin se sinte: NON SE VIVE.

Achegouse ao espello e debuxou uns beizos de vermello paixón, unhas meixelas de rosa profundo e nas pálpebras azul aceiro. Abriu o roupeiro e se vestiu de dignidade e carisma. Din que polas rúas empedradas paseaban dúas Marías, portando por estandarte as cores da alegría, mofándose do vento, da auga e da xente que non as entendía. Loitadoras enxebres, sementadoras de soños que nos din ao pasar: BO DÍA.