Sempre!

María Mercedes García Filloy

RELATOS DE VERÁN

María Mercedes García Filloy. 56 anos. A Coruña. estra.

06 ago 2018 . Actualizado a las 22:01 h.

Setembro. Xa eran días de canícula. Os froitos maduraran ao compás do corpo da moza. Un paso e outro paso e o vestido ondeaba con donaire naquela tardiña de festa. E xurdiu coma un lóstrego; foi unha mirada que non se truncou xamais. Fíxose eterna. Aquel home novo xa non puido afastar os sentimentos daquela cara, lembrando cabelos, aloumiños e suspiros de amor e desexo. E voaron xuntos, con todo sen facer e agardando todo, porque a plenitude do amor enchía os carreiros por andar e tamén as súas almas. Bailaron ao compás as súas vidas. As pequenas liortas e os enormes atrancos sempre foron acochados pola ledicia e o poder infinito de estar xuntos. Pasearon anos e países, lugares fermosos e recunchos ruíns. Pasearon e bailaron o vento da incomprensión moitas veces.

E agora tocaban as lembranzas. Un paso e outro paso ao compás da música do tocadiscos. Aquel vello aparello tiña o poder de transformar o tempo e transportar, por un intre minúsculo, o maxín do home, que se movía ao son da música e da moza. Ai, a moza! Se puidese erguerse con el daquela cadeira que a tiña amarrada! Mais, unha mirada... e viu o sorriso da muller e un brillo especial nos ollos, e... os beizos repetindo o nome do fiel compañeiro. Si, si! Aquela música da tarde de setembro rompía a barreira do tempo e do silencio. E as lembranzas voaron na brétema do esquecemento, paseando as corredoiras aletargadas do escuro maxín. Mais as lembranzas fuxiron deixando a realidade, sen adxectivos, só a realidade aniñada agardando un aloumiño.