Unha arca no mallante

Ramón Sampedro Muñiz

RELATOS DE VERÁN

26 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Atopeime cos dous nun velorio hai xa uns anos. Era a ocasión de saber por boca propia se aquel ruxerruxe que circulaba pola parroquia era verdade ou un máis deses contos do imaxinario popular. E alí diante tiña ao algareiro e á súa vítima. O Ficheiro, sempre argallando falcatruadas e o Paramilla, unha das moitas vítimas do vizoso e endiañado maxín do noso veciño. Así que fitei ao Ficheiro e pregunteille se era verdade o que se falaba daquel conto dunha mofa cun baúl que fixo crer que era un tesouro.

«Pois claro que foi verdade, Conchelo. Todo o mundo sabiamos da afección do Paramilla por baixar cada mañá á praia, na procura das crebas que traían as mareas, coa escura intención de atopar algún día un tesouro que o quitase de pobre, coma seica pasara cunha familia de Vilavella. Así que un día convencín o meu compadre, o Mincha: levamos unha arca vella que tiñamos no alboio e deixámola no mallante. Eu metinme dentro e atranquei a tampa cunha aldraba para acubillarme nel.

Non tardei moito en sentir pasos. Notei que o arrodeaba, tenteándoo para ver o que pesaba. Tentou subilo para o rebado. Mais era moito peso para unha soa persoa. Sentíao bafexar: non sei se pola emoción ou polo esforzo, pero o baúl apenas se moveu. Daquela, notei como sentaba abatido encima da tampa.

Debía ser a hora de comer, cando apareceu o fillo máis vello, que viña na súa procura. ‘Ricos, meu fillo. Somos ricos’. Berraba e ría sen baixar do baúl. ‘Vai buscar o carro á casa, que isto é un tesouro’. Non tardaron moito en cargar a arca no carro e axiña chegaron ao curral familiar. Tentaron de novo abrir a tampa pero a aldraba que lle tiña posta impedíao. ‘Espere, meu pai, que vou buscar o machado’. Ante o perigo inminente, desatranquei a tapa e brinquei fóra. ‘Quietos, ou! Eu son todo o voso tesouro’. Miráballes as caras de aparvados e non podía deixar de rir a cachón».

Cando rematou o conto, a cara do Paramilla era todo un poema. Pregunteille se realmente acontecera todo así. «Talmente. O único que se esqueceu de contar foi os fungueirazos que levou no lombo».

Ramón Sampedro Muñiz. 53 anos. Ribeira.