Ás 21.36, un 2 de abril

María Alejandra Barco Tojo

RELATOS DE VERÁN

Aquel guerreiro da vida, sobranceiro, nacera no interior da terra máis fermosa que os meus ollos viran. Contaba, con ese brillo nos olliños que sempre tivo, que a pesar do miserábel que din que é a vida para el fora o mellor dos agasallos. Soamente era reprochábel a súa fugacidade e, en certas ocasións, a súa inxustiza.

Como era propio dos vellos galegos, sentaba na lareira, miraba para o lume, e no intre comezaba a contar, a relatar, a lembrar, a desfrutar dos recordos… Desprendía o recendo da sabedoría e da bondade nas súas verbas.

Era eu pequena cando lle escoitei por primeira vez falar de seu pai. Marchara e non volvera, mellor dito, levárano e privárano de volver.

Convertérase naquel intre en orfo da liberdade. Nunca soubo onde quedara seu pai, mais endexamais o esqueceu. Quizais fose ese o seu segredo… Quizais non amase a vida tanto como dicía. Quizais, e soamente quizais, quería facer tempo para atopalo.

Sempre reparaba nas cunetas e corredoiras, dicía que por alí correra o seu sangue. Dicía que foran as únicas que acolleran a liberdade e a xustiza que o mundo desprezara. Dicía que nalgún tempo, no máis horríbel de todos, fora o leito de morte da persoa á que máis admirara.

E foi un 2 de abril, á noitiña… Atopouse de fronte con aquel home ao que levaba oitenta e catro anos sen ver, estaba tal e como o lembraba. Chamouno: «Neno, xa levo tempo sen verte, tesme moito que contar». Xa non era neno, tanto tiña. Despediuse da que fora a súa parella de baile no danzar da vida. Foi nese instante cando camiñou da man de seu pai por algunha desas cunetas que non ten fin. O destino xa non importaba…

María Alejandra Barco Tojo. Estudante. 17 anos. A Coruña.