LevareiTE A lúa

Diana Bericochea Álvarez

RELATOS DE VERÁN

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe imos de misión espacial! Aventurámonos a levar ao meu irmán á praia sendo conscientes da posibilidade de experimentar unha auténtica odisea. Pode que vos preguntedes que risco pode ter ir á praia no verán. Pero é que o meu irmán non é unha persoa calquera. É un ser moi especial!

Non lle gustan as sorpresas nin nada que saia da rutina. Sempre teño que avisalo con moito tempo do que imos facer, e non chega con dicirllo, ten que ser con imaxes que coloco nunha axenda que leva a todas partes. E pobre de min se non cumpro co dito!

Ademais o meu irmán non camiña, voa. Se ves un home de puntillas que avanza a saltiños sen pisar unha raia ese é o fenómeno do que falo. Éche do que non hai! Cando non está no alto dunha cadeira está enriba dunha mesa. É lixeiro coma unha pluma e flexible coma un papel. Cousa que agradezo pouco cando teño que correr tras el sempre que lle dá por fuxir.

Pero iso non é todo.

Cando imos de viaxe ou visitar algún lugar non fai máis que repetir a mesma canción: «Cando imos á tenda? Cando imos? Cando imos?...». No único que pode pensar é en mercar algún novo obxecto para a súa colección. E treme se a viaxe é longa. Pódese pasar cada minuto, de cada hora, de cada día coa mesma teima, así que non temos outra que comezar a viaxe cumprindo o seu inapelable desexo.

Ademais, tamén está obsesionado coas medicións. É algo exaxerado. Leva un metro no peto e mide ata o aire que respira. Tanto é así que un día púxose a medir todos os mobles do cuarto de hotel ao que chegamos. Aínda que máis destacable foi aquela vez que mediu a cabeza dun pobre home que tiñamos sentado ao noso carón nun bar.

Entendédesme agora cando digo que ir á praia é unha misión espacial? O meu irmán chamase Herminio, ten 52 anos e ten TEA (trastorno do espectro autista).

Eu quéroo moito, pero ben sei que ás veces non é doado de entender.

Non te preocupes, Herminio! Eu levareiTE A lúa se fai falla, voaremos ceibes, mercaremos estrelas e mediremos o espazo.

Diana Bericochea Álvarez. Mestra de educación especial. 31 anos. Ourense.