O vello profesor

Emilio Rafael Herrera Oya

RELATOS DE VERÁN

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Camiñaba pola rúa co seu afillado, Aritz, da man cando aumentou a tormenta. O vento deulle volta ao paraugas e acubilláronse no Teatro García Barbón. De súbito a luz dun raio iluminou a noite e puido ler: «Renacemento en Florencia. Conferencia impartida polo profesor Laureano Ferreiro». O corazón púxoselle ao galope e antigos recordos afloraron á súa mente. Como estaría el 25 anos despois?

Entraron con sixilo de ladrón e sentaron nunhas butacas libres.

-A catedral Do Duomo, tamén chamada de Santa María das Flores, foi construída no ano 1.368 -disertaba apaixonado o vello profesor.

Terminada a conferencia decidiu marchar sen saudalo. Ao saír escoitou a súa voz que soou como un trono:

-Belén. Como está a miña alumna favorita? Xa vexo que moi nova e fermosa!

Ela mirou con tenrura os ollos azul mar, brillando aínda nun rostro sucado de miles de pequenas engurras, e non puido falar, só tratou de non chorar, sen poder evitalo.

-Ves como eu tiña razón cando che dicía que cheguei tarde á túa vida? -dixo con nostalxia infinita-. Se volves a Florencia, mira se segue o noso cadeado na ponte vella -escoitoulle dicir mentres tiraba de Aritz e afastábase sen paraugas baixo a choiva.

Emilio Rafael Herrera Oya. Policía. 60 anos. Vigo.