Dende a muralla observei como o inimigo tomaba posicións. Aveciñábase a loita, tan ansiada e tan temida a partes iguais. A derrota era sinónimo de morte e a vitoria só traería consigo máis batallas que librar. Caudais de sangue, suor e bágoas bañarían o chan que agora pisaba.
De súpeto, unha morea de berros enxordecedores sinalaron o inicio do enfrontamento e, a un mesmo tempo, as enormes catapultas que ó fondo se divisaban descargaron as pesadas rochas cara o castelo.
Un destes xigantes proxectís comezou a trazar unha perfecta parábola que impactaría sobre min de xeito irremediable, dándome a prematura morte que tanto temía.
Nese mesmo intre tomei a decisión de achegarme ó mostrador e pedirlle ó libreiro que me envolvese o libro en papel de agasallo.
É por todos ben sabido que o papel lle gaña á pedra.
Borja Montáns Redondo. 28 anos. Amil.