Chove

María Milagrosa Souto Caride

RELATOS DE VERÁN

10 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Chove, como o día que te coñecín, agochada nos soportais de pedra esperando que escampara para continuar o meu camiño. Sorriches, mollado coma un pito, unha nube de verán murmuraches. Si, unha nube de verán que descargou toda a tarde, permitíndonos tomar un café que alongamos máis aló daquela nube.

Chove, como o día que nos prometemos cando unha treboada interrompeu o noso momento. Sorriches de novo, sorrias acotío, e fixeches daquel momento algo máxico, entre lóstregos e tronos, entre a chuvia e o aire.

Chove, como o día que nos casamos, aquel fin de semana de verán no que mudou o tempo e choveu tódolos días. E sorriches, como sorrías cando estabamos xuntos, a chuvia é a nosa compañeira musitaches no meu oído o saír da igrexa.

Chove, como o último día que estivemos xuntos, cando nos dixemos adeus por derradeira vez. Non sorrías, aquel día as bágoas mesturábanse cas gotas da chuvia. Non éramos capaces de mirarnos ós ollos, os corazóns latexaban sen control, e ruído da chuvia xa non parecía ser o noso compañeiro.

E chove de novo, e miro para fóra, e penso en ti, e pregúntome se pensas en min algunha vez, e creo que si, cando chove, cando as nubes descargan con paciencia, ou con furia. Nese momento, ti pensas en mi, e eu penso en ti, porque fomos chuvia, e sei que neses momentos volves sorrir, como fas acotío, inda que agora eu non desfrute dese sorriso. Chove, e estou a pensar en ti.

María Milagrosa Souto Caride. 44 anos. Ourense.