Noite de verán

María Mercedes García Filloy

RELATOS DE VERÁN

09 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Bágoas de estrelas que marcan camiños.

Silencio que enche os miolos e as entendedeiras e aloumiña o maxín. Agasallo infinito da natureza. Lugar alto, apropiado para observar o ceo neste mes de agosto. Desculpa de Xan e Andrea para escaparse. Mais... a soidade da noite, os corpos mozos, clima perfecto, fixeron que estes adolescentes percorresen campo, herba e pel, soños e luar mesturados en ríos de éxtase e feixes de aloumiños. Deron voltas á pequena capela, buscando o alento que lles dicían que ían ter para amarse eternamente. Baixaron ata a fonte e beberon do cano santo e milagreiro. Alí laváronse, deixando que a auga fría esvarase polo rostro e polos corpos nus. Volveron nove noites, mesturando xogos infantís e praceres adultos. Ninguén sabe como eran. Coñecemos os seus nomes porque quedaron gravados nas lendas da aldea. Dise que, cada ano, no mes de agosto, viñan nove noites, para cumprir a ofrenda de amor e os ritos de paixón. Tamén se di que aparecían cada ano coa familia, e había un pequeno balbordo de risas e festa arredor da capela e da fonte. Había quen axexaba pola ventá, pero cóntase que só era capaz de albiscar un resplandor fermoso, de almas limpas.

A historia chegou a nós. Os trasnos da imaxinación din que as almas nacen para atoparse, e delas depende unha vida de fantasía e ilusión.

Aínda hoxe, cada mes de agosto, aparecen caladiñas, pola noite, persoas que buscan ese amor eterno, e atópano, perdidos no campo das estrelas, aínda que sexa ata a eternidade dun novo amencer.

Eu confeso que, no verán, abro as contras da ventá, agardando ver os amantes da aldea. Algunha vez hai luces que relocen arredor da capela e da fonte da Arentía.

María Mercedes García Filloy. 61 anos. Boimorto.