Respirei tan fondo como puiden e dirixinme á entrada. Era a primeira vez. “Quinta estación. Entre!” Camiñei ata o final dun longo corredor. Alí había unha fiestra. Tal e como se indicaba coloquei as miñas mans sobre o vidro. De seguida apareceron catro logotipos que simbolizaban cada unha das estacións.Premín na que dicía VERÁN. Tombeime na area. Espinme. Sentín o aloumiño do Sol na miña pel. As ondas rompían fortes. Erguinme para mollar os pés. Agora estabas ti! Enchoupámonos de auga salgada. Rolamos pola area...Saín. Esperei un tempo, non sabería dicir canto. Premín INVERNO.
Que brancura inmensa. Acheguei aos beizos un puñado daquela neve. Lembrei a nenez. Decidín facer un boneco. O meu irmán axudoume. Ataviouno con luvas e chapeu vermello. O boneco brillaba ao sol.
De repente pillei medo. Saín. Volvín a vista cara atrás naquel escuro corredor. Brais e Sabela na miña mente. Decateime que era todo case igual que cando viviamos na Terra. Na Quinta Estación posuían todo. Case todo. Negueime a entrar na primavera, tempo en que perdera ao meu irmán. Negueime a entrar no outono, tempo en que perdera a Sabela. Andaban á procura dos sentimentos. A roubalos. Pillei medo.
María Espasandín Domínguez. 61 anos. Laxe.