A veces escribo porque necesito escribir. A veces agardo respostas de alguén que non as ten, non pode ou non mas quere dar. A veces síntome ferido sen saber cal é o motivo. A veces tamén leo cartas para procurar noutros cousas bonitas. A veces asómome á ventá para intentar descubrir na distancia unha escusa fuxidía. A veces pérdome entre a xente para ver se me atopo por calquera recuncho esquecido. A veces gustaríame que me miraras máis veces. A veces aspiro a que a realidade se compoña dos meus soños. A veces estendo a man para que sexas precisamente ti quen ma colla. A veces miro ao bosque e entre toda a inabarcable espesura creo recoñecerme subido a algunha árbore. A veces desexaría non posuír nada. A veces gustaríame entrar nun espazo baleiro e recoñecerme nel ao pechar a porta por dentro. A veces, moitas veces, máis das que quixera, síntome un inxenuo habitando nun lugar e nun momento impreciso e indeterminado. Mais aínda así non afrouxo no meu intento de botarme algún día a voar. Por iso os meus brazos se amosan sempre abertos e dispostos. Porque aínda que xa todo estea escrito, nunca se sabe.
Manuel Iglesias Nanín. 54 anos. O Carballiño.