Como cada domingo, dende a chegada do bo tempo, Ignacio convértese nun Hefesto da lareira e tórrao todo nas candentes brasas: un churrasco de tenreira ou porco cuns saborosos chourizos, un polbo á prancha, uns xurelos á grella, uns pinchos mouros e ata uns espetos de verduras. Todo lle vale, o importante non é a materia prima a cociñar senón o pracer de preparar a hipnótica luminaria, a adoración e veneración do lume, a fascinación que este provoca e a súa chamada ancestral. Sae ben cedo ao xardín e, coma se dun ritual se tratase, selecciona coidadosamente a madeira de carballo máis seca e que mellor arderá e unhas pinas para prendelo fogo que despois o obsequiará con candentes brasas.
Con ollos ardentes, suorento e co peito descuberto, Ignacio inclínase sobre a lareira ao máis puro estilo de Vulcano sobre a súa engra rendendo culto ao lume sagrado e corta, coloca, pincha e vira sen pausa ata rematar a súa obra. Logo, moi ergueito, cun amplo sorriso nos beizos e portando ata a mesa unha grande fonte de comida carbonizada acabada de saír do lar, séntese coma un Prometeo moderno, un titán que loitou cos deuses do Olimpo para entregarlles aos humanos o lume como salvación, protección e alimento. E por elo debe ser louvado por esa cohorte de famentos comensais fartos de agardar por un incerto xantar.
Estela Sande López. 42 anos. Neda.