O efémero

Manuel Iglesias Nanín

RELATOS DE VERÁN

18 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Saber que nada é para sempre. Que nada é eterno. De aí a urxente necesidade de aprender a vivir. De aprender a apreciar. A valorar. E de caer na conta de que a nosa razón, por moito que a berremos, non é única. Porque únicas son tamén todas e cada unha das demais. E parte do que deixamos de vivir vaise nese estúpido empeño de querer ter sempre a razón. Despois, algunhas e algúns entenderán que o efémero é o máis fermoso. Era ou foi o máis fermoso. Con toda a dor e as cicatrices que o efémero deixa en nós. Aínda que talvez todo se reduza a ese andar deshabitado e baleiro que cada un de nós carga nos seus petos. Uns petos que aínda ao chegar ao noso acubillo de suposto sosego, non somos capaces de baleirar. E todo, porque a covardía inherente á nosa condición nos empurra unha e outra vez a non aceptar as nosas moitas limitacións. E isto é algo que non se ensina. Mais si se aprende. E dende o meu mirar esquinado creo que só aprende quen quere aprender. Sendo moitas as leccións que aínda nos quedan por traballar. Entre elas, a de desbotar o que non nos pertence. Por moitas razóns. Mais por riba de todas, quizais estaría ben comezar a aprender que as razóns que ás veces tanto demandamos como nosas, non son realmente as que nos corresponden. Tendo en conta o efémero que somos. Afortunadamente!

Manuel Iglesias Nanín. 54 anos. O Carballiño.