Desfacendo mitos

Moncha Prieto

RELATOS DE VERÁN

18 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Quero ser o teu amor. Non o primeiro, nin o segundo, nin o terceiro, nin tan sequera o máis grande. Quero ser o derradeiro, o que che peche os ollos se a morte te exilia de min, o que che peche a cobiza de desexalo noutras fronteiras, o que che peche a tentación de comparalo. Por iso me permito desafiar aos poetas, cansos e repetitivos, coa tópica mitificación do primeiro amor, ese sentimento primixenio e involuntario, preludio dunha longa, ás veces nunca rematada, aprendizaxe. Non, ese namoramento non é inesquecible, indeleble, imposible de superar. É un espertar a reaccións non experimentadas, unha porta aberta cara un mundo inexplorado, imaxinado, enaltecido co pouso dos anos. Se me fose permitido viaxar no tempo, non te buscaría na incerteza da adolescencia, aínda que as meniñas se me quedasen engaioladas na beleza do momento. Buscaríate no ocaso, cando as forzas che minguasen, cando o amor é moito máis ca sexo, cando a tenrura abre portas que a xuventude desbota. Quero ser o teu amor derradeiro. Quero que cando o bico da morte chegue para ti ou para min, nos conceda un desexo final, coma os condenados á máxima pena antes de seren executados. Quero que no teu último alento latexe o meu nome, que no meu último alento latexe o teu nome.

Moncha Prieto. 72 anos. Gundivós.