Mónica Fraga e Rocío Lozano, gañadoras dos Relatos de Verán

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

RELATOS DE VERÁN

Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974) e Rocío Lozano Souto, que vive no Temple (Cambre).
Mónica Fraga Rodríguez (A Laracha, 1974) e Rocío Lozano Souto, que vive no Temple (Cambre).

Os lectores elixiron un conto intimista sobre os coidados e o amor e outro fantástico que xoga coa tradición do home lobo. La Voz convoca a 25.ª edición do concurso

17 jun 2024 . Actualizado a las 10:25 h.

Mónica Fraga Rodríguez, profesora de Tecnoloxía e veciña de Oleiros (A Coruña), e Rocío Lozano Souto, estudante residente no Temple, no concello coruñés de Cambre, son as gañadoras do certame Relatos de Verán 2023, que cada ano convoca La Voz de Galicia co propósito de alentar as vocacións literarias dos seus lectores e darlle acubillo nas páxinas do xornal. Grazas aos votos dos lectores, Mónica Fraga (A Laracha, 1974) impúxose no certame na categoría de maiores de 16 anos coa súa peza O ritual dos sábados á tarde, un conto de carácter intimista que fala sobre os coidados e o amor alén da xuventude entre persoas da terceira idade. «Os sábados á tarde, o mundo fóra daquelas catro paredes non era o noso. E dentro delas non cabía ninguén máis. Só nós os dous», evocaba o avó sobre aquelas sesións de baño e agarimar.

Fraga é licenciada en Física, profesora de Tecnoloxía e directora do IES Rego de Trabe, de Culleredo. Recibirá como obsequio un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun dos establecementos OCA Hotels de Galicia ou Asturias. Ela, confesa, escribe «de cando en vez, sempre por pracer e ás veces por necesidade», se o que precisa é facer limpeza na súa cabeza. Participou por primeira vez nun certame literario animada polo seu profesor de lingua castelá do IES Alfredo Brañas de Carballo, no que se alzou coa primeira distinción, e recentemente acadou o terceiro premio no sexto concurso de microrrelatos que promove a Real Academia Galega.

Na categoría do certame de menores de 16 anos, o relato predilecto dos lectores foi A loba da fada, obra de Rocío Lozano Souto, unha moza do Temple (Cambre) que é alumna do colexio CEIP Portofaro e que cando remitiu o texto contaba 10 anos. Recibirá como recompensa un eBook. Lozano escribiu unha peza de corte fantástico que xoga libremente coa vella tradición do home lobo. «Silenciosamente escondinme nunha caroca dun castiñeiro e dende alí puiden ver unha besta cunha longa pelaxe branca cincenta que coa luz da lúa tornaba da cor prata. Orellas agudas, enormes ollos verdes alumaban coma dous candís, fociño cuberto de sangue que lle escorría pola pelaxe do pescozo e grandes dentes afiados», lembra a narradora aquela arrepiante escena que case lle paraliza o corazón entre o medo e a fascinación.

Sorteo entre os votantes

En canto ao sorteo dun lote de libros selección de Biblos Clube de Lectores, entre todos os participantes na votación dos lectores, a gañadora foi Paula Merlos Otero, que saíu elixida ao azar de entre os centenares de cupóns recibidos por correo postal.

La Voz convoca a 25.ª edición do concurso

Lola Vázquez, gañadora do concurso do 2022, no momento de recibir o seu premio de mans do delegado de La Voz en A Coruña, Alfonso Andrade.
Lola Vázquez, gañadora do concurso do 2022, no momento de recibir o seu premio de mans do delegado de La Voz en A Coruña, Alfonso Andrade. EDUARDO PÉREZ

Os textos seleccionados aparecerán en agosto nas páxinas literarias do xornal

La Voz de Galicia mantén a súa aposta por levar a creación á cidadanía de a pé. Un ano máis —e xa van 25— convoca o popular concurso Relatos de Verán, unha iniciativa que dá cabida e pulo ás inquedanzas literarias dos lectores. Durante o vindeiro mes de agosto, o xornal publicará unha escolma dos textos enviados polos participantes, afeccionados a narrar que ademais optarán a gañar un premio, do que se fixan dúas categorías: unha para menores de ata 15 anos e outra para os que superen esa idade, de 16 en diante.

Para os primeiros o galardón será un eBook, mentres que para os de 16 anos ou máis a recompensa será un bono para unha estancia dunha noite para dúas persoas nun establecemento OCA Hotels de Galicia ou Asturias en habitación dobre en réxime de aloxamento e almorzo.

Na 25.ª edición dos Relatos dos Lectores a mecánica do certame mantense nos termos de anos anteriores. Poderán participar todas as persoas que o desexen, con relatos escritos en galego ou en castelán, sempre que estes sexan inéditos. Haberán de respectar unhas condicións técnicas: non deberán exceder as 25 liñas mecanografadas de corpo 11, o que equivale a uns 2.100 caracteres con espazos incluídos. Os orixinais haberán de enviarse acompañados cos datos do autor —idade, nome, DNI, enderezo, teléfono, profesión e, a ser posible, unha breve nota biográfica e unha foto de tamaño carné— e co texto en soporte informático. Os de autores menores de 14 anos deberán ser remitidos polos seus pais ou titores legais, debidamente autorizados e cos seus propios datos.

As obras deben enviarse á dirección de correo postal «25.ª edición dos Relatos de Verán de La Voz de Galicia (Premio dos Lectores). Avenida da Prensa, parcelas 84-85. Polígono Industrial de Sabón. 15143 Arteixo. A Coruña» ou ao correo electrónico relatos@lavoz.es. O prazo de presentación de orixinais permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xullo. Un xurado seleccionará de entre todos os recibidos os relatos que se publicarán durante o mes de agosto nas páxinas de La Voz mais na súa edición dixital. Serán despois os lectores cos seus votos quen determinen os gañadores de cadansúa categoría.

Votación por cupóns

Para votar, La Voz publicará nas súas páxinas os cupóns cos que os lectores poden elixir as súas pezas favoritas e que deben remitir ao periódico. Non se admitirán fotocopias. Os autores gañadores daranse a coñecer nas páxinas de La Voz nas semanas seguintes. Todos os remitentes de cupóns entrarán nun sorteo dun lote de libros nunha selección do selo Biblos Clube de Lectores.

As bases completas están disposición dos lectores na edición dixital de La Voz, no enderezo www.lavozdegalicia.es/cultura/.