Sara e Luciano coñecéronse nunha viaxe do Imserso. Sara é delgada de corpo e algo baixa de estatura. Gústalle camiñar e móvese moi lixeira. Luciano é máis alto que Sara e ten algúns quilos de máis; para andar, apóiase nun caxato.
A súa relación principiou o día que realizaron unha excursión organizada no hotel onde se aloxaban. Coincidiron nos asentos contiguos do autobús e comezaron a falar da viaxe que ían emprender. Ambos os dous percibiron que, ademais de entendérense ben, entre eles había boas sensacións.
No percorrido a pé da excursión, non se separaron en ningún momento. Como Luciano se movía con máis lentitude, Sara esperábao para iren xuntos. Os dous comentaban as visitas que a guía lles ía amosando. De regreso ao hotel volveron sentar nos mesmos asentos do autobús e, xa con máis confianza, comentaron que ambos os dous estaban viúvos e, casualmente, vivían na mesma cidade.
A partir dese día, comezaron a almorzar, xantar e cear xuntos no restaurante do hotel. Para as ceas, Sara ía elegantemente vestida, ben peiteada e algo maquillada; quería transmitirlle boas sensacións a Luciano. El, pola súa parte, tamén se ataviaba para estar á altura dela. Ao remate, ían á cafetaría para ver algún espectáculo ou para xogar ao parchís. Nunca se retiraban antes das doce.
Ao regreso da viaxe, quedaron de verse polas tardes.
Cando aínda pasara un mes de coñecérense, Luciano propúxolle a Sara de viviren xuntos. Ela respondeulle que deberían seguir véndose polas tardes, pero despois era mellor que cada un fose para a súa casa. El, algo amolado, aceptou pero non se rendeu; devecía estar con ela.
Unha mañá, Luciano foi á axencia onde lle buscaban as viaxes do Imserso e, casualmente, había dúas prazas por mor dunha renuncia de última hora. Dende alí chamou a Sara e propúxolle iren os dous e compartiren a habitación. Sara aceptou compracida.
Agora non paran de viaxar, ben polo Imserso, ben buscando ofertas na axencia de viaxes. Parécelles que pasan máis días visitando lugares que nas súas respectivas casas. Teñen ilusión pola vida e vívena, se cabe, con máis intensidade. Nunca é tarde para volver a empezar.