Micaela e o mar

Mª Beatriz Conde Douro

RELATOS DE VERÁN

07 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada tarde dos últimos seis meses, Micaela percorría o peirao para sentarse na rocha de sempre. Foi alí onde, co paso do tempo, comezou a sentir paz na alma e alegría no corazón. O son paseniño das ondas fixo que Micaela decidira que ese mar calmo fora o seu confidente, ese mar que escoitaba sen xulgar.

Ela explicoulle como, grazas a unha enfermeira, a súa vida deu un xiro radical. Este anxo, como a chamaba Micaela, soubo ver máis alá da historia que estaba a presenciar, foi quen de apreciar o terror nos seus ollos e as bágoas no seu corazón.

O amor da súa vida, aquel amor que ela idolatraba, xogoulle unha mala pasada. Os bicos tornaron en golpes e o amor en odio. Calquera motivo servía para desprezala e maltratala, chegando ao punto de anulala tanto física como mentalmente. Agora, como di a canción, Micaela xa pintou unha porta violeta na parede que pode abrir e pechar cando quere.

Meu querido mar, xa podo vivir novamente!

Por todo o que viviu e está a vivir a Micaela libre, desexa con todas as súas forzas que o mundo reaccione, que empatice coa xente que os arrodea. Un pequeno xesto dunha persoa pode supor a vida doutra.

Mª Beatriz Conde Douro. 64 años. A Estrada