Camiñar ao «Foxo do lobo» prometía ser unha experiencia única en plena natureza, mais o que empezou como unha emocionante aventura converteuse nunha retranqueira odisea. Coas mochilas cargadas e ansias de explorar, penetramos na fraga seguindo as marcas en pedras e árbores que supostamente nos conducirían ao desexado destino. Con todo, pronto soubemos que interpretar eses signos era todo un desafío.
Nunha encrucillada, unha pedra cunha frecha indicábanos o camiño para seguir, pero xusto á beira outra pedra marcaba a dirección contraria. Xogo enigmático? Cousa de meigas? Optamos pola intuición. Camiñamos tempo, tropezando con raíces e enfrontándonos a empinados outeiros, sempre na procura das pistas ocultas entre a frondosa vexetación. Noutro cruzamento de camiños, atopamos unha árbore con marcas de garabatos. Sentímonos como detectives perdidos nun caso sen resolver.
A situación volveuse aínda máis absurda cando, nun novo cruzamento de camiños, divisamos unha inscrición nunha táboa de madeira que indicaba a ruta cara ao «Foxo do lobo». Pareceunos estar finalmente no bo camiño, ledicia efémera, pois ao achegarnos, notamos que a táboa fora arrincada de raíz. Desorientados e sen sinais claros, decidimos seguir o noso instinto, convencidos de que achariamos o destino anhelado. Camiñamos e camiñamos, sen dar volta atrás en ningún momento. O tempo pasou, pero o camiño parecía non ter fin. Coa esperanza minguando, de súpeto, emerxemos da fraga e atopámonos no mesmo lugar da partida. Incriblemente regresaramos ao sitio da orixe sen retroceder en ningún momento. Miramos perplexos ao camiño que percorreramos. Eramos vítimas dalgunha estraña ilusión?
Mesturando humor e frustración, soubemos que a ruta era máis unha travesía psicolóxica que un camiño físico. Estabamos presos de nosa propia percepción e obsesión por alcanzar o destino?. Aprendemos que na natureza e na vida, moitas veces os sinais son ambiguos, as expectativas desvanécense e os camiños lévannos a sorprendentes paradoxos. Non atopamos o destino buscado, así e todo foi unha lección inesquecible. Unha viaxe que nos levou a dar voltas en círculo para regresar a nós mesmos.
Xosé Castro Ratón. 68 anos. Vilagarcía de Arousa.