Irraf

Fernando Vilaboa

RELATOS DE VERÁN

27 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Irraf nunca deu sabido dos límites posibles no coñecemento da liberdade propia. Sopesando a chea de frases axeitadas ao tempo, aos intereses dos parladoiros, á multiplicidade de artigos da prensa moralista, pretensiosamente normativa, aos taboleiros da rede, gozaba dunha dúbida que hai moito tíñao paralizado.

Irraf decidiu. nos límites da súa filosofía simple e afrancesada, que o albedrío non existe dende o nacemento. Principiando dende ese sinxelo suposto, o noso monótono seareiro dos andeis da biblioteca pública, incapacitado para a acción, política, deportiva ou de vida, iniciou o enorme propósito de afundir os infindos barrotes da gaiola herdada dende o berce. Tiña que acumular a maior cantidade e variedade de obras impresas. Non tiña ningunha condición de título, autor, tamaño, só que fora libro impreso en papel non estucado.

Cada mañá volvía aos baldóns nos que apañaba tres volumes que foran seguidos aos do día anterior. Volvía ao lar, lía e asimilaba sen problemas. Quedaban xa poucos tomos da grande obra que alí repousaba. Baleirouse a biblioteca para Irraf. Sabíase sen espazo na casa, mais precisaba seguir lendo. Pensou atopar unha solución ao espazo. Dubidou, aceleraría o ritmo de lectura, a capacidade de síntese; a pesar de rachar cun dos principios sobranceiros.

Probou con libros de letras espazosas. Logo practicou cos grafemas máis comúns, para rematar co papel biblia, de máis diminutos caracteres. Perdeuse, nos primeiros, algunha frase, algunha nota. Mais o método de prenderlle lume ás páxinas, ao iniciar a lectura do anverso, deu os resultados previstos.

Hai tanto que non atopo a Irraf. Case non parabamos —el non tiña tempo— e falabamos ás presas. Non sei se sae ou non da casa, se atopou resposta á tan grande dúbida, ou se só ardeu en excesiva lectura.

Fernando Vilaboa. 64 anos. Madrid.