Ao chegar á escola viu nun recuncho do pequeno patio unha pila de libros que agardaban con resignación e tristura o lume que os aniquilara. Os mestres estiveran a facer limpeza e a todos aqueles volumes máis luxados, algo relados polas lepismas ou que eran considerados non recomendables polo réxime comeríanos as lapas. Ante tan devastadora visión un raio de lucidez cruzou a súa mente e, asegurándose de que ninguén a vía, colleu catro libros ao chou que gardou ás presas na carteira: unha obra de teatro: La casa de Bernarda Alba de Lorca, unha novela: 1984 de Orwell, un poemario: Caminante no hay camino de Machado e un vello tratado de debuxo artístico. Un verdadeiro tesouro para unha rapariga espelida de doce anos e moitas gañas de saber que ao chegar á casa devorou dunha atacada convertida nun peixiño de prata.