Delia, apoiada na enorme rocha, ao abeiro do vento, contemplaba o mar, dun azul intenso brillante. Os seus dedos repenicaban con naturalidade os primeiros compases de Ansiedade, o bolero que popularizara a mediados dos anos cincuenta do século pasado Nat King Cole. Aquela tarde de estío nada podía turbar a paz e a alegría da muller, tan perfectas, que nin sequera se moveu cando sentiu o zunido dun abellón que voaba en círculos ao seu redor. O insecto era dun ser vivo que cumpría a súa función no universo, ela non sabía cal, pero estaba segura de que algunha cumpriría. Para Delia, nese momento, só existían o mar e Nat King Cole, vellos camaradas na saudade dos amores e das terras ao lonxe.
De súpeto, unha refoleada de vento dispersou os obxectos pousados na toalla na que estaba deitada unha muller nova, que lía concentrada nun libro cos ollos protexidos por unhas lentes de sol. Un sombreiro de palla, un bote de crema solar e unha faixa de papel satinado vermella e negra caeron aos pés de Delia e foron impulsados outra vez polo vento. A muller incorporouse para recoller os obxectos da moza, que xa se levantara á présa e corría tras deles; apañou o sombreiro no aire e a faixa vermella e negra: o bote de crema solar, impulsado polo vento, bateu contra unha rocha solitaria separada da inmensa mole trala que se refuxiara Delia.
Despois de poñer o sombreiro a salvo do vento, Delia fixouse na banda de cores, resultáballe familiar. O mar engulía as follas dun libro, que asomaban un intre pola tona encrespada da auga e axiña eran tragadas a cada embate do mar embravecido. Leu, arrepiada, o texto da banda: Abellón, a última novela da colección Catro Estacións-Seita, que atrapa os lectores pola súa acción trepidante, escrita nunha prosa áxil e amena. Un zunido que engancha ata a última páxina. 40.000 exemplares vendidos. Delia enmudecida, recolleu a bolsa da praia sen despedirse da muller nova que lle daba as grazas.