Hoxe fun eu

Anxo Pazos

RELATOS DE VERÁN

11 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Amence. As pedras, molladas. A terra, fría. E, con todo, Santiago está a suar. Lembra o labor da noite. Lembra ir avanzando aos poucos. Lémbrase camiñando polo vieiro enlamado, paseniñamente, pesadamente, coma quen sobe por dentro dun soño esgotador.

A lúa, rachada por nubes baixas, proxectaba longas sombras entre castiñeiros e carballos. O río Tambre murmuraba ao seu carón, escuro e sen présa, coma un segredo antigo. A súa auga, silandeira, levaba follas mortas e ramas podres que viraban sen sentido, arrastradas por unha corrente que non facía ruído abondo para tapar os falares dos mouchos ou o chiar das curuxas.

Os ameneiros, máis adiante, abaneaban seguindo a cadencia do vento, arroupados polo veo dunha brétema espesa, xélida, avellentada. Dende o fondo do bosque, viñan sons abafados: pasos sen peso, sorrisos sen boca, moumeares afastados que non se escoitaban cos oídos. Santiago non miraba atrás. Sabía que os outros estaban alí, canda el. Sabía que ían coas mans estendidas e os ollos pechados, que levaban as lanternas acesas sen lume e as capas molladas por néboas que non tocaban o chan.

De cando en vez, alguén murmuraba un nome. Santiago non recoñecía ningún, pero sentía que os nomes non eran para el. Tiña a pel arrepiada e unha canseira infinda. Cada paso doíalle coma un recordo. Cando cruzaron a ponte vella, o vento comezou a virar. Aromas coma de igrexa baixaban polo aire, enredándose co recendo a herba esmagada. Un can ouveou na distancia, e Santiago apertou o paso, coma se o chan que pisaba fose desfacerse en lama quente.

Chega á casa pouco antes do amencer. As pernas, pesadas coma ferro. Senta sen se descalzar. Mira as mans sucias. Pensa en durmir, pero queda calado, inmóbil no tallo, oíndo aínda os pasos dos outros ás súas costas, como unha carga que non desaparece. Na mesa da cociña brilla un farol apagado. Un só. E entón, mentres a primeira luz do día entra pola fiestra, escoita o saúdo de Iria:

—Como estás, meu ben?

—Non me fales! Hoxe fun eu quen levaba a cruz da Santa Compaña.