Cada vez que papá vía o Acueduto de Segovia polo televexo, contábanos as aventuras e desventuras dos veráns que pasara en terras de Castela, segando trigo ou atando os mollos. Tiña apenas 13 anos e pesaba apenas 30 kilos cando foi por primeira vez a Castela, xunto con dous irmáns máis vellos: os irmáns segaban e papá ataba. Durmían nun palleiro en Zamarramala, nas aforas de Segovia: as anduriñas voaban por encima deles i eles divertíanse tirándolles as abarcas para escorrentalas. Pola mañanciña, aínda de noite, camiñaban cara ós trigales do patrono, cruzando o Acueduto. Papá contaba que se quedaba durmido de pé e costáballe moito seguir o paso dos compañeiros, tendo que dar unhas carreiriñas de vez en cando para alcanzalos. Cando remataban a faena, voltaban, xa de noite, a cruzar o Acueduto para durmir en Zamarramala. Papá non se tiña de pé e seu irmán máis forte tiña que levalo ó lombo. Papá pasou 8 ou 9 anos indo ás segas para voltar con unhas pesetiñas para que súa nai, viúva, poidese sacar adiante unha familia de 8 fillos orfos de pai. Cando Franco o chamou a filas, papá tivo que incorporarse ó «frente», coa desgracia engadida de perder un ollo por ferida de bala, para converterse en «caballero mutilado de guerra por la patria». Aínda así, voltou un ano despois a segar en Castela. Pero a suor da dura faena empañáballe as gafas i entón puxo fin á súa aventura. Con razón, papá ten o ceo gañado.