Nalgún lugar chamado Conduzo, había unha princesa á que lle gustaban moito as cores do arco da vella. Todo canto tiña era de sete cores: os zapatos, a roupa e os calcetíns. Cada día vestía unha cor distinta. Un día tocáballe poñer os calcetíns vermellos, pero só atopou un. Xa sabemos o que pasa cos calcetíns: andan sempre desemparellados. Flor, que así se chamaba a princesa, cansouse de tanto buscar e, desesperada,preguntoulle ao rei: «Papá, viches o meu calcetín vermello?» O rei, que era moi despistado e estaba sempre nas verzas, respondeu «non, miña ruliña, eu só vin un paxaro vermello voando cara ao ceo». Flor estaba moi triste. Foi ver á raíña e díxolle o mesmo que ao rei. E a raíña respondeu «non, miña nena, eu só vin un paxaro que ía moi lonxe». «Va, un paxaro… Eu só quero o meu calcetín»,dixo Flor.
Entón púxose a chorar. Choraba tanto que as súas bágoas saían de todas as cores. O seu can, ao vela tan triste, achegouse e díxolle baixiño na orella. «Miña princesa, eu sei onde está o teu calcetín». «Que dis? Onde está ese desemparellado?» «Ves o arco da vella? Pois perdeu unha cor, por iso o teu calcetín foi a levarlle o seu vermello.
A princesa mirou ao ceo e viu como o seu calcetín mandáballe bicos. Como ao arco da vella aínda lle faltaba cor, quitou o outro calcetín e mandoullo tamén». O rei e a raíña berraban «¡Flor, Flor! ¡O teu calcetín anda voando!». Pero a princesa botouse a rir porque se sentía feliz. E, sen deixar de rir, respondía «ese só é un paxaro…» «Si, si… un paxaro», dicían eles.