O druída Natal leva días preocupado e axitado. Os cativos do castro topámolo estraño, teimudo; pero, ao mesmo tempo, semella ledo. Polas noites, toda a xente do poboado xuntámonos no curro, pequenos e grandes ao carón da gran fogueira e tomando un bebedizo que nos prepara Natal e que semella darnos forzas e quentura. Todos cantamos, danzamos, berramos,... Enriba a bóveda celeste cuberta de escintilantes, misteriosas e engaiolantes estrelas; que nos marabillan, que nos fan pensar e soñar. E sentimos que desde elas os nosos devanceiros nos contemplan, nos falan e nos protexen, O xefe da tribo diríxenps unhas verbas para darnos ánimos e fai unha oración aos deuses, logo dime: «Prudel, colle unhas ramaxes de loureiro que teño na miña chousa e colle tamén o caldeiro». Logo, o xefe Nubio vai mollando as ramas de loureiro no líquido do caldeiro e vai ceibando pingas nas familias do noso castro, ao mesmo tempo, botaba uns fortes aturuxos que impactaban a todos os presentes naquela cerimonia. Sobre a media noite, cando a lúa estaba alta, todos volviamos as chousas, agás o druída que nestes días dirixíase ao cumio do noso monte Medulio. A lúa estaba no cuarto minguante. Ese día chamoume e díxome «Prudel, vén comigo, faime compaña». Rubín con el ao cumio do noso fermoso e protector Medulio. Ao chegares, sentamos nun gran penedo granítico, no que Natal cun estilete e un mazo gravaba signos que eu non entendía. Estamos preto do solsticio de inverno, vexo signos no ceo, busco algo e non sei que, estou desorientado...