Escribir

Jaime Vázquez

RELATOS DE VERÁN

29 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Oblígome a sentar diante do texto. Quedan minutos para poder entregalo.

Non teño expectativas pero quero facelo. Esta vez si. Sempre a mesma cantinela

Tantas ideas que acaban por parecerme absurdas, tantos textos inertes rematados en borradores.

O resultado? Este word baleiro, esta negra sombra. Sobre que demo vou escribir? A cabeza é fodida.

Leo, releo, atopo a fenda e descarto. Atopo a fenda porque non atopo o ton, o lugar dende o que facelo. Desde a dor?

Sería o doado. Tan á man, tan presente.

De min mesmo? Estou farto de min mesmo. Quen carallo me creo?

Escribo textos que desaparecen ao pouco, coma mensaxes encriptadas ao baleiro.

Reviso en cadernos notas tomadas en noites nas que sentín algo parecido a isto.

Observo frases que me devolven a mirada con desprezo: Trago comigo as feridas de todas as batalhas que evitei... Ruborizo.

Eu elixo as batallas nas que loito e aínda así quéroo todo, coma un vulgar ladrón.

É un trato inxusto pero hoxe estou disposto a rompelo.

Hoxe soportarei calquera carga mentres teña sentido.Pero que quero? Vexamos.

Quero contención, que o texto se exprese por si só e desaparecer detrás, controlando ós cabalos desbocados a espallarse.

Quero ser firme, aceptar a renuncia como parte das regras do xogo, sen trampas: depurar, recortar, resistir.

Quero calma como elemento creativo e sobriedade como bandeira estética.

Quero ordenar as forzas interiores, chamar a filas ao movemento dispersado e entón si, entón por último, entón silencioso, entón implacable, soltar a rabia e a lucidez e o talento e o ego e tirar, de golpe e sen dubidar, o edificio abaixo antes de descubrir que hai detrás de todo o amontoado de ferro.

Se non hai nada, o golpe será terrible.

Pero será a verdade e a verdade sempre é mellor ca un disfraz.

Porque será aí: o mellor lugar dende o que comezar a xogar a partida.