A comunidade de veciños reuniuse ao solpor, xusto cando a area deixaba de queimar e os foráneos regresaban ao continente. As pegadas da súa xuntanza durarían pouco. Ao amencer, os primeiros desembarcarían para cubrilas con toallas e lixo.
—Primeiro punto da orde do día, previsión de afluencia —abriu a sesión a presidenta.
—Este verán haberá máis ca nunca. Se non facemos algo, acabarán pensando que a illa é deles! —grallou unha voz desde o fondo.
Un silencio preocupado percorreu a asemblea.
—Consta en acta. Continuamos. Segundo punto, medidas disuasorias —retomou o control da asemblea.
—O plan de quitarlles os bocadillos xa non funciona!
—Acostumáronse.
—Pois haberá que arrincarllos das mans!
—E berrarlles ao oído.
—Ou perseguir as crías. Iso sempre os altera!
Foi imposible manter a orde ante a gravidade dos asuntos. As voces superpuxéronse e as propostas aprobábanse sen debate.
—Queda aprobada a intensificación das medidas —declarou a presidenta, reclamando novamente o silencio.
Cando a asemblea parecía concluída, unha voz, xa gastada polos anos, pediu a palabra.
—E se marchásemos nós? A pregunta quedou suspendida no aire. Ninguén a someteu a votación.
Cando a reunión rematou, centos de ás levantáronse ao mesmo tempo, decididas a gozar das poucas horas de tranquilidade que lles quedaban. Ao lonxe, no porto, o primeiro barco do día seguinte agardaba cos motores durmidos.
A illa estaba lista para que as pegadas dos que acababan de chegar borrasen as dos que nunca marcharan.