La Caixa trae ó Auditorio a versión infantil da ópera «A frauta máxica»

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

16 oct 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Perto de tres mil alumnos entre os 6 e os 12 anos de vintecinco centros públicos e privados da cidade, así como as familias que o desexen, teñen unha interesante cita cunha versión infantil de ópera. O Concello asinou un acordo de colaboración coa Fundación La Caixa para traer a Compostela a producción de pequeno formato A pequena frauta máxica , inspirada na obra de Wolfgang Amadeus Mozart A frauta máxica . O acordo, presentado onte polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; polo secretario xeral da Fundación La Caixa, Lluis Reverter; e polo concelleiro de Educación, Xosé Manuel Iglesias, supón a inclusión de Santiago nunha xira do espectáculo de iniciación á opera por sete cidades de todo o estado. As funcións programadas no Auditorio de Galicia, dentro do ciclo de concertos para escolares, son cinco. Tres delas son gratuítas para os grupos de alumnos, os días 29, 30 e 31 deste mes ás 11 horas, e dúas para familias e público en xeral que queira asistir, o sábado 2 de novembro ás 18 horas e o domingo 3 de novembro ás 12 horas, ambos días a 3 euros a entrada. Esta ópera para os pequenos realizouse a partir do espectáculo creado por Els Comediants para o Liceo de Barcelona en 1999 de A frauta máxica , en coproducción co Festival Mozart de A Coruña e co Festival de Granada. O resultado foi unha montaxe chea de vitalidade, en sintonía coa liña de traballo da compañía de teatro catalana. Debido ó éxito, o Liceo encargoulle ó director de Els Comediants, Joan Font, unha versión para público infantil, co obxectivo de familiarizar ós pequenos coa música de Mozart e coa ópera. Esta montaxe conserva o esencial da ópera para adultos, pero coa sinxeleza dun conto infantil. Os colexios que se inscribiron para asistir ás representacións reciben unha unidade didáctica con material pedagóxico para que os profesores poidan preparar ós alumnos e adentralos na maxia musical e escénica. Daí que o paquete inclúa un CD coa música do espectáculo e un recortable de cartón para montar a escenografía.