O Casino de Santiago invita a ler as obras finalistas do premio de novela

C. Pino santiago

SANTIAGO

No certame poden votar residentes, estudiantes e profesionais que viven fóra A entidade distribúe tarxetas nas que aproveita para felicitar as festas

23 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

A O Casino Compostelano felicita o Nadal e o Ano Novo cunha tarxeta na que promociona o premio de Novela Europa que esta entidade sociocultural puxo en marcha co ánimo de estimular a lectura, dado que tódolos residentes, estudiantes e persoas que desenvolven a súa actividade profesional no Concello de Santiago teñen a posibilidade de votar e decidir, co 30% dos votos emitidos, a novela gañadora. As tarxetas, que se distribúen gratuítamente no Casino, librerías e outros establecimentos da cidade, levan impresas nunha cara as portadas das seis novelas finalistas: Tu rostro mañana , de Javier Marías; Se está haciendo cada vez más tarde , de Antonio Tabucchi; No entres tan de prisa en esta noche oscura , de Antonio Lobo Antunes; Expiación , de Ian McEwan; Atuado na braña , de Xavier Quiroga; e Plataforma , de Michel Houellebecq. Na outra cara lese: «Desde o Casino, nestes momentos difíciles, apostamos pola esperanza desexándoche o mellor para o 2003». A iniciativa deste premio é apoiada pola agrupación de libreiros local, que promoveu entre os asociados a colaboración co certamen, porque segundo o presidente dos libreiros da cidade, Antón Pedreira «non é un premio convencional, porque leva implícita unha campaña de animación á lectura moi novedosa e interesante». Algúns libreiros sumáronse colocando nun lugar visible o cartel da convocatoria e incluso montaron un escaparate coas novelas finalistas. A cafetería do Casino ten a disposición do público para ler seis exemplares de cada unha das seis novelas. O premio fállase na última semana de febreiro e a entrega do galardón será en maio. No xurado, ademáis de tódolos cidadáns que queiran participar estarán os socios do Casino, ós que lles corresponde o 20% dos votos emitidos, e dez representantes doutras tantas entidades e centros dos diferentes sectores compostelanos, que na ponderación da totalidade das papeletas teñen unha porcentaxe de responsabilidade do 50%.