Entrevista | Xabier Vázquez Pumariño
15 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?É absurdo pensar que se acabou o problema provocado polo Prestige . A experiencia de catástrofes semellantes, como a do Erika , o Exxon Valdez , mesmo a do Mar Egeo na costa galega demonstra que os efectos durarán anos», afirma Xabier Vázquez Pumariño, quen desde Compostela coordena o seguimento da catástrofe para Adega. -É a realidade. Non é preciso saír do noso país: hai lugares, como Mugardos, que aínda non se recuperaron dos efectos do Mar Egeo . Ou o porto da Coruña, que desde aquela catástrofe, hai máis de dez anos, non recuperou o potencial de baixura que tiña. -Non obstante, os datos parecen ser positivos. -Hai que matizar. Moitas praias continúan contaminadas, por mais que non vexamos imaxes como as de hai uns meses, que eran impresionantes, coas praias cheas de fuel, que ten efectos letais, como os que xa se viron, e outros subletais, con capacidade para matar indirectamente... -¿Que efectos son eses? -Pois a capacidade para alterar a reproducción de especies, poñamos por caso. Provoca alteracións nas gónadas e son de esperar esterilidade, crias defectuosas, consecuencias sobre as larvas e as sobrepostas. Iso suporá que nun ou dous anos os traballadores do mar van notar diminución nas capturas. -¿Aparecerá máis fuel nas praias? -É que nunca deixou de aparecer. E non só no litoral galego, tamén no cantábrico e no francés, aquí non se coñeceu toda a dimensión do vertido. Non se sabe con certeza canto fuel hai no Atlántico, ou canto saiu do Prestige . E nas mareas vivas, dentro de poucas semanas, ou no outono, non sabemos o que acontecerá. Nengunha outra marea negra afectou a tanta costa e actuou tanto tempo como esta, os efectos son unha incógnita. -¿Siguen os problemas denunciados por docentes da USC na recollida de fuel? -A situación mudou para ben, aínda que se tardou e hai aspectos que deben mellorar máis, como a hidrolimpeza.. Houbo danos serios ocasionados pola forma como se recolleu o fuel, pola apertura de pistas e outras actuacións. Esperemos que continue a colaboración dos últimos tempos; e que apareza a Consellaría de Medio Ambiente, pois levamos tempo alucinando coa súa postura.