O MOGARÓN | O |
09 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O VERÁN ESMORECE sen remedio, como se quixera axudarnos a enfrontar o recambio do escenario vital ó que nos aboca o inicio do curso, non importa o nivel académico ou se vostede non ten fillos que matricular, vestir e calzar, surtir de libros e despertar polas mañás. Digo que tanto ten porque en Compostela o curso empeza en máis ámbitos que os académicos. Nesta cidade mudan os hábitos e os ritmos, porque a vida xira nunha proporción importante arredor do mundo educativo e universitario. Ten efectos colaterais coma o caos que produce no tráfico a regularidade horaria da entrada e saída nos colexios e institutos. E o do rexoubeo demáis que impoñen nas madrugadas, a unhas máis ca outras ó longo de cada semana, os vividores da noite, aprendices de adultos, despendolados adolescentes, indolentes e insolentes universitarios, confundidos aspirantes a salvadores do mundo e buscadores de soños, coa connivencia e ate conxura da hostalería local. O malo é que tamén empeza o curso para invernar fronte o televisor. Non entendo a afección por Shin Chan, pero entendo menos que se cree unha Operación Triunfo infantil, ¡na primeira cadea! ¿Ate donde chegará este opio?