O FIADEIRO | O |
10 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.«UNHA memoria que é de todos», reza un titular de LG3, o anovado soportal da Literatura Galega na Rede, para se referir á recente presentación do libro de memorias -Camiño andado, Galaxia, 2003-, de Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913). Toda unha peregrinaxe vital, que xa nos anunciara este gran erudito e polígrafo da Galicia do século XX con O río do tempo. Unha historia vivida (Edcs. do Castro, 1990). Del Riego estudiara Dereito, Filosofía e Letras nas universidades de Madrid e Santiago. Compostela foi a súa cidade de referencia nos primeiros anos de militancia galeguista, que se viu tronzada pola guerra de 1936. Despois sería Vigo onde desenvolveu unha intensa actividade cultural, sobre todo nos ámbitos da editorial Galaxia e da fundación Penzol. Amais de ser galardoado con importantes distincións no noso país, Don Paco foi presidente da Real Academia Galega. Pódense citar ducias de libros da súa autoría, engadíndolle centos de artigos xornalísticos. As peregrinacións xacobeas (2003) é unha nova edición cedida polo autor a 3C3 editores -publicada por primeira vez en 1984-, que agora se reedita con esmero e ilustrada por fotografías de Xurxo Lobato.