O FIADEIRO | O |
13 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ÁS 18.30 horas, no andar superior, a AS-PG e CIG-Ensino programaran a conferencia O proceso de globalización mundial: o imperialismo do s. XXI , impartida polo profesor Xoán Ramón Doldán. Na planta baixa, ás 20.00 horas, inaugurábase a mostra pictórica titulada Viaxata ó xardín de Aguiar , de Aurichu Pereira, acompañada con música de Bach, na interpretación de Francisco X. Comesaña. E no medio, na sala Ánxel Casal e ás 7 da tarde, 3C3 Editores presentaba o libro do politólogo Carlos Taibo, Imperio norteamericano e capitalismo global . Do 11 de setembro a Iraq , coa participación do propio autor, do profesor Ramón Villares e de quen lles conta isto. Foi este un acto literario dos que quedan poucos: alongouse máis dunha hora e media. O tema, de rabiosa actualidade, ben que se prestaba, e o público apuntouse a un rico faladoiro, no que se reflexionou en voz alta e se debateu ó redor da superpotencia e prepotencia USA, da guerra en Iraq e noutros puntos do planeta, do capitalismo e o socialismo, da globalización, presente e futuro do mundo... Pensamento crítico, útil, entretido e substancioso. Quede constancia escrita de que todo isto tivo lugar na Galería Sargadelos, en Compostela, cando caía a noite do pasado 29 de xaneiro.