A variedade de estilos é un dos atractivos das tres propostas coreográficas que conforman a nova aposta de Fóra de serie , que ofrece esta noite e a de mañá a sala Teatro Galán dentro do programa Alternativa 2004. Son tres sos de danza a cargo doutros tantos bailaríns e coreógrafos. O programa ábrese con Alberto Huetos, que presenta Yo sólo quiero caminar . Segue con Nicolás Rambaud e a proposta Las locas de Chaillot ; e remata con Mónica Valenciano, quen presenta Disparate nº 5: 5 misterio . A directora da Galán, Ana Vallés, presentou Fóra de serie con dous dos protagonistas, Alberto Huetos e Nicolás Rambaud, que falaron das súas respectivas propostas. Huetos é a primeira vez que baila en Compostela. E chega cunha proposta que definiu como «un gesto de solidaridad con cuantos sufren la ocupación de su país y la violencia», poñendo enfáse no sufrimento do pobo palestino. O só fala da soedade dun home que tivo que deixar o seu país e o impulso humano pola esperanza e a súa loita para seguir adiante. A peza foi estreada en outubro do 2003, con música de Paco de Lucía e de Marwan Abado. A aposta deste coreógrafo e intérprete pasa polo baile, a danza como única expresión, co apoio da música e da escenografía para a súa posta en escea. Huetos, madrileño que nestes momentos traballa en Andalucía, desenvolve proxectos concretos e puntuais, con vistas a unha posible compañía estable que non ve fácil polas dificultades económicas, a partir da experiencia e formación que recabou en oito anos de traballo artístico en Alemaña. Nicola Rambaud, francés afincado en Madrid, xa estivo actuando no festival En pé de pedra e na Galán. A súa proposta é danza teatro, unha liña de teatralización que con esta obra recupera o personaxe e o drama da famosa, e mítica, vagabunda de París que fora unha gran diva. «Es una pieza que habla mucho de la mirada exterior desde nosotros mismos, de los tiempos modernos», explicou, e apoia a expresión corporal con partes narrativas na súa propia voz. Mónica Valenciano Mónica Valenciano non puido estar no acto de presentación, pero a súa obra está prantexada na presencia e na enerxía corporal. O tema son os cinco sentidos, antenas de conexión onde a presencia se propón como transparencia articulada a través dun caleidoscopio de personaxes que van desde a conciencia do espazo á exploración dos sentidos en movemento. Con música de Pau Casals, a bailarina e coreógrafa canaria conta coa colaboración de Norma Kraydeberg. A peza é unha produción da compañía El Bailadero, de Madrid. A coreógrafa tamén pasou polo festival En pé de pedra .