O FIADEIRO | O |
15 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.SON OS noventa principais. Porque os anos da vida de cada un discorren persoais e intransferibles, inda que moitas vivencias individuais se transfiran ós demais, cando existen inquedanzas de compromiso social. Noventa anos o 14 de maio cumpriu Avelino Pousa Antelo, o Lucho do Peto, aquel rapaz barcalés, «rillote aldeán, argalleiro e inquedo», como ten definido el mesmo ese alcume nas súas Memorias dun galego inconformista (Edcs. do Castro, 1991), que eu lle axudara a tecer a través de non poucas horas de gratas conversas. Neste aniversario tan redondo, Avelino tamén recibiu como xeitoso agasallo o libro Avelino Pousa Antelo. Galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural (¡cantas cousas nunha mesma persoa!), escrito polo seu discípulo e amigo Valentín Arias (Ir Indo, 2004), nunha colección chamada Galegos na Historia. Celebra nun estado envexable a súa condición de ilustre e digno nonaxenario. E moitos familiares e amigos compartimos con el a festa, agarimando a quen arestora inda preside a Fundación Castelao. Vaia hoxe para el esta frase de J. L. Borges: «A vellez pode ser o tempo da nosa felicidade». Venturoso aniversario, mestre e sempre amigo.