
A mostra, incluída no programa do Xacobeo, está aberta na Aula de Cultura de Caixa Galicia As obras son miradas de medio cento de artistas sobre o papel da muller a partir dun icono universal
16 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Perto de cincoenta artistas plásticos interpretan en diferentes linguaxes e soportes As Meninas, o cadro más famoso de Velázquez, para aportar as súas particulares reflexións e visións sobre a muller nunha exposición que se pode ver dende onte e ata o 31 de agosto na Aula de Cultura de Caixa Galicia, dentro do programa do Xacobeo. O complexo entramado de paneis montado nas salas que acollen a mostra, titulada As outras meninas , ofrece nun bloque as obras de artistas consagrados, como Alberto Corazón, Guinovart ou José María Subirach. Nun segundo reúne a creadores contemporáneos emerxentes e, nun terceiro, a novos artistas. As propostas constitúen miradas que se recoñecen na figura da infanta Margarita de Borbón, protagonista do cadero As Meninas. As sorpresas no percorrido son moitas e, aínda nos casos máis forzados á hora de interpretar o icono feminino, son tan suxerentes que contentarán a públicos moi diversos en gustos e idades. Pódense ver rompedoras esculturas, óleos, instalacións, collages, fotografías e gravados de moitos estilos e tendencias. Esta exposición é unha iniciativa da organización Woman Together, e chega a Santiago dentro dun programa itinerante por diferentes cidades do Estado, polo que inclúe obras dalgúns artistas locais, que neste caso son José María Barreiro e a Rafael Romero Masiá.