O FIADEIRO | O |
11 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.«UNHA casa é unha construción habitada polo ser humano». Así, tan sinxela, é a definición que nos ofrecen Adela Leiro e Mon Daporta xa no adro do volume intitulado A casa, que fai o número 10 da Enciclopedia Temática Ilustrada (A Nosa Terra, 2002). Hai agora un ano o noso comento ía para o libro da mesma serie dedicado ó leite, gabando a requintada presenza desta obra. Arestora, podemos repetir xuízos semellantes verbo desta monografía, que vén actualizar, con moito aparato gráfico, achegas e visións contemporáneas -«aggiornamento»-, o estudo e a divulgación do que significa hoxe a casa en Galicia. Estamos rematando este 2004, cando o personaxe central das nosas Letras foi o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo (1907-1989). O Xocas publicara no 1962 a súa obra cimeira: Etnografía: cultura material, inserida na Historia de Galiza, editada en Bos Aires e dirixida por Otero Pedrayo. Hai varias reedicións posteriores destes estudos pioneiros (Akal, Galaxia), nos que as análises da casa galega e as súas tipoloxías resultan minuciosas e paradigmáticas. Esta casa que agora Leiro e Daporta nos describen tan ben, con ollada «enciclopédica» e moderna, é unha posta ó día daqueles traballos de Xaquín Lorenzo.