Tempo de xaxún

| ALDONZA |

SANTIAGO

ANOS DE GRAZA

20 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

PASADOS os excesos do antroido, xa andamos metidos na coaresma que é tempo de xexún e abstinencia, preparatorio para vivir a Paixón do Noso Señor. A Santa Madre Igrexa tiña totalmente prohibido micar a carne nestes corenta días, a única solución era ir á parroquia e mercar a correspondente bula que dispensaba de tan ríxida dieta, reducíndoa aos venres. Pero cando a necesidade aperta bótase man do enxeño, como facían aqueles frades portugueses que chimpaban un porco ao río, apañábano coas redes e comían pescado . A consecuencia máis importante da prohibición foi a aparición dunha cociña específica e sabedeira onde o bacallau era o rei. Con arroz, en empanada, con repolo e allada. Un manxar que deleitaba a todos, rara era a casa, por moi humilde que fose, na que non pendurase unha folla deste peixe que se salgaba para evitar que se botara á perda. De Galicia partían camiño de Castela carros con toda a riqueza do mar. Como as leguas eran moitas e os frigoríficos ainda non se inventaran, había que usar limón para tapar o cheiro, hábito que perdura a día de hoxe, cando o peixe está fresquísimo, producindo exactamente o efecto contrario, o de matar o seu rico sabor. Pero nestes días de invernía e ata que cuquen, alá polo San Xosé, é a época de comer lamprea, san costume que temos os galegos desde antigo. Cando os romanos andaban por aquí xa procuraban telas ben cebadas, segundo as malas linguas con escravos vellos que guindaban á auga para alimentalas. Alexandre Dumas, escritor e gourme t, como bo francés, cando nos visitou a finais do século XIX recollendo notas para un libro de viaxes, destacounas na nosa cociña xunto co caldo. Eu lémbroas de sempre. Xa cando o mercado estaba en Praterías e Xelmírez tivo que intervir decretando os prezos das mercadorías para evitar abusos aos peregrinos, andaban as raíñas dos ríos a tres denarios. Tanta tradición tiña que traer por forza mil maneiras diferentes de preparala: fresca ou seca, rechea e en empanada, anque a máis típica é á bordelesa, co seu arroz e pan fritido (nisto entroncamos cos portugueses que tamén devecen por elas). Tradicionalmente facíase na casa pero na nosa cidade non faltaban restaurantes que a tiñan por prato rei, aos que acudían os santiagueses en romaría, como acontecía no Estradense, onde os lampreeiros enchían os diferentes comedores dos que dispuña o local, ou o Hotel Compostela, que as presentaba envoltas en follado. Como a televisión estaba en Madrid, coñecíase que empezara a tempada cando na esquina do Toural ou diante da colchonería da Calderería aparecían unhas mulleres que berraban «¡Compren laampreas!». E foi así durante décadas, ata que o rexedor Xerardo Estévez prohibiu a súa venda pública, alá polos anos noventa do pasado século. E falando de alcaldes, onde foron aqueles tan devotos que, a maiores de oír á misa antes de celebrar Consistorio, para que os alumeara o Espírito Santo, asistían puntualmente aos sermóns cuaresmais, encargándose de designar e pagar os predicadores, chegando mesmo a mudar os días de xuntanza, como sucedeu na sesión celebrada o 23 de febreiro de 1566, na que se acordou celebrar os concellos os luns e os xoves despois do xantar. Este santo costume perviviu, a pesar dalgunha voz de protesta polo despilfarro, pois predicadores nunca faltaron nesta cidade, ata o ano 1836 no que se acordou solicitar ao Gobernador Civil -eran tempos liberais-, autorización para traer a dous oradores que platicasen cada dominica da Coaresma, sendo obrigatorio que o cuarto e o último sermón versara sobre La paz y unión de los Españoles . Non sei que resposta recibiron, pero consta en acta do dez de febreiro que tiveron que dar explicacións por tal solicitude, en vista do ton satírico do oficio gobernativo. aldonzadepraterias@yahoo.es