Devesa

X. AMANCIO LIÑARES GIRAUT

SANTIAGO

O FIADEIRO | O |

09 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DOMINGO Campio Devesa Naveiro foi un compostelán, nado o 10 de febreiro do 1823, que embarcou noviño para Cuba e traballou toda a vida como xastre en Cienfuegos. Entre as tesoiras, agullas e fíos ganduxou tamén poesía. E deixounos unha obra que foi agora exhumada polo historiador Xosé Lois García, e recollida no libro Cadernos poéticos dun emigrante galego en Cuba (Edcs. do Castro, 2004). Regaláronme un exemplar desta curiosa obra no Instituto de Literatura y Lingüística (ILL), na habaneira rúa Salvador Allende, nun testo edificio, noutrora sede da ilustrada Sociedad Económica de Amigos del País. Alá chegamos con indicacións amigables do profesor Xosé María Dobarro. Nun intercambio de libros, a directora do ILL -Nuria Gregori- pasoume este estudo de Xosé Lois, autor que me convidara nun verán ó seu fogar galeguista en Barcelona. Hai aquí poemas en galego (13), castelán (28), tres cartas e un epílogo de Neira Vilas. Devesa era «un home culto (...), autodidacta nun espírito libre, popular e progresista» (p. 12), que escribe sobre a emigración, con romanticismo cubano na métrica e na rima, «esencialmente rosaliano» (p. 13). E coñecedor do que se publicaba naquela Galicia decimonónica.