Crónica | Negreira artella un programa para cativos de catro a sete anos Estimular o cooperativismo e o compañeirismo foron os obxectivos dos obradoiros e actividades
09 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Reforzar a confianza e o xogo cooperativo, ademáis de estimular o compañeirismo, é o que se plantexou para este verán a oficina de Educación Familiar do Concello de Negreira, a través dun programa de actividades para nenos de entre catro e sete anos de idade que se desenvolveu no mes de xullo todas as mañás na Casa da Cultura e no parque de O Coto. Dada a gran acollida que as actividades tiveron entre as familias con fillos de curta idade, as súas responsables tiveron que habilitar dúas quendas para acoller aos 32 participantes inscritos. Entre as actividades elaboradas para o mes de xullo, os cativos mantiveron a súa aprendizaxe en talleres de manualidades que foron dende a elaboración de marcos para fotos, pasando por postais ou petos, segundo indican Belén Domínguez e Susana Freita, as monitoras das actividades xunto coa coordinadora, Azucena Antelo. As tres relatan a súa satisfacción «sobre todo porque foi un mes onde a climatoloxía acompañou para poder levar adiante as saídas ao exterior cos nenos», destacando asimesmo o seu bo comportamento durante as sesións matutinas. Igualmente, os pequenos tiveron a oportunidade de coñecer de preto algún tramo do Camiño de Fisterra ao seu paso polos arredores da vila, percorridos de sendeirismo polo futuro paseo fluvial ou mesmo a experiencia de falar por primeira vez a través dos micrófonos de Radio Negreira para relatar as súas inquedanzas. En definitiva, con este programa búscase estimular o traballo en equipo e mailo compañeirismo entre grupos de nenos e nenas, nos que a integración social resulta primordial. De feito, un dos aspectos máis sobresaíntes da iniciativa non só o constituíu a alta participación, senón tamén a boa integración dos alumnos con independencia da súa procendencia, dado que nos obradoiros de verán hai nenos tamén de orixe magrebí e ata de Brasil ou Uruguai. Pero as actividades de verán continúan en Negreira: este sábado haberá barranquismo no río Xallas e para o día 20 está prevista a Noite Folc cos grupos Lumia, Avalón e Os Cempés. Os cursiños de natación completan o programa municipal do verán.