Un berro contra o esquecemento

MARTIÑO NORIEGA

SANTIAGO

TRIBUNA | O |

18 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando un ten a sensación de camiñar con paso cambiado nos días que corren, sempre hai persoas coma Isaac Diaz Pardo e Avelino Pousa Antelo que te reconcilian coa vida emprestándoche co seu facer cotiá parte dos seus folgos, ilusións, e moito do seu compromiso coa recuperación da memoria histórica no noso país. Foi Avelino, mozo instalado nos 90, quen coa axuda do finado Xosé Cruces (farmacéutico de Cacheiras, home de bén) puido atopar en Montouto (Teo) o lugar onde pasearan ao derradeiro alcalde republicano de Compostela Anxel Casal. Foi Avelino, quen coa axuda de Isaac xa hai xa anos, conqueríu erguer un pequeno monumento no lugar dos feitos para que xa nunca máis esquezamos que alí morreu no 36 parte da historia viva deste país, membro das Irmandades da Fala, fundador da editorial Nos e Lar, persoa que, según Castelao, «fixo máis por Galiza que todos nós xuntos». É Avelino Pousa quen cada ano por estas datas acude a Montouto na compaña do seu inseparable amigo, o escritor David Otero, para preparar o lugar onde cada 19 de agosto as mulleres e os homes de ben levan flores a Anxel Casal, coma se de un berro contra o esquecemento se tratase, como esconxuro contra o mal de aire. Escribíu Beiras hai dous anos que certas actitudes estaban a refusilar aos represaliados da Guerra Civil. Hoxe, encetando un novo goberno, agardamos que o corazón e o maxín deste estén con persoas que como Avelino Pousa mantiveron un facho aceso para que ninguén esqueza o que aquí aconteceu hai xa 69 anos.