A Real Filharmonía celebra dez anos co público que a veu nacer

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

A orquestra interpretará dúas pezas de a penas dez minutos O acto reúne a representantes da vida política e social de Santiago e de Galicia

02 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os músicos e todo o persoal da Real Filharmonía de Galicia celebran esta noite os dez anos de vida da orquestra creada pola Xunta por iniciativa do alcalde compostelán Xerardo Estévez e auspiciada polo Consorcio da cidade, que é quen xestiona a formación. O director titular da Filharmonía, Antoni Ros Marbà, e o director convidado, Maximino Zumalave, dirixen nesta festa de aniversario dúas obras que xustificarán a presenza no escenario dos mestres e dos músicos nos seus atrís para recibir o merecido aplauso do público que arroupou e animou á formación nesta década. As ordes da batuta de Ros Marbà interpretarán a mesma obra que ofreceron no concerto inaugural que dirixira Helmuth Rilling, o primeiro director da Filharmonía, o 29 de febreiro de 1996: Saturnal, do compositor galego Manuel Balboa, que a creara por encargo para aquela ocasión especial. Zumalave será o responsable de dirixir a execución da Obertura Egmont , de Beethoven. A cerimonia inclúe discursos e a participación do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e do alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e doutras autoridades autonómicas e locais. O público non convidado expresamente pode retirar convites nas taquillas do Auditorio. O concerto celébrase no Auditorio de Galicia ás 21.00 horas. O acceso é por invitación.