Crónica O Puerta del Camino, no que o poder celebra as súas citas, foi elixido pola CIG e os CAF para o xantar de conmemoración daquel histórico encontro
02 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A Central Intersindical Galega (CIG), e os Comités Abertos de Facultade (CAF) celebraron o 150 aniversario do histórico Banquete de Conxo, o xantar organizado polo poeta e daquela estudante de dereito Aurelio Aguirre, e no que tamén participaron Eduardo Pondal, Manuel Murguía e seica que ate Rosalía de Castro, para que os obreiros e os estudiantes da cidade compartiran os ideais por unha sociedade máis libre e as ideas socializantes que agromaban nunha Compostela que, con 23.000 habitantes en 1856, perdera 5.000 pola fame xerada pola crise que motivou unha forte emigración a América. O caso é que onte a cita non foi na carballeira de Conxo, que en 1856 era concello independente, porque onde había carballos naceron chalés. O xantar foi nun hotel de cinco estrelas frente por frente do edificio que alberga aos sindicatos, compartido por 150 persoas do mundo laboral, da universidade e da cultura. Como hai 150 anos, houbo reivindicacións, pero non había policías vixiando. O menú, agás o cava co que os comensais fixeron un brinde pola patria e a súas xentes, non debeu ser moi diferente: xamón (o de onte cocido), empanada e lulas fritidas (en Conxo ao mellor houbo polbo); e carne estofada con patacas. O viño era mencía e o postre de chocolate. A distancia acortouse entre os traballadores, representados polos membros do Consello Confederal da CIG, e os estudantes, en nome dos que había 150 CAF de todos os campus galegos, nun universo nacionalista relaxado e ate certo punto satisfeito, porque na mesa número un estivo o líder do BNG e vicepresidente da Xunta de Galicia, o «compañeiro» Anxo Quintana, como lle chamou o mestre de cerimonias, Manuel Mera, que saudou o acto como mostra da loita para facer visible a nosa historia. Compartiu xantar co concelleiro de Cultura compostelán, Néstor Rego; co secretario xeral da CIG, Suso Seixo; a líder nacional dos CAF, Iria Aboi, que fixo un discurso que apunta maneiras políticas, pode que para facer carreira na liña da conselleira Ánxela Bugallo, que foi unha destacada líder estudiantil. Alí estaban tamén o secretario da FPG, Mariano Abalo; o de Galiza Nova, Emilio Vicente; e Uxía Senlle, que representaba a Nunca Máis. Destacou a presenza de Avelino Pousa Antelo, da Fundación Castelao, que recibiu un cálido e merecido aplauso. Polo mesmo «gremio» asistiu a ex deputada e profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, da Fundación Bautista Álvarez. E non faltaron os presidentes das asociacións de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, e de Editores, Miguel Anxo Fernán Vello; e o da Mesa pola Normalización , Carlos Callón. Preto deles, odirector da TVG, Suso Iglesias, e a maxistrada Ana Suevos. A reforma do Estatuto e a minoría parlamentaria do BNG no proceso saíron no discurso de de Seixo, que convidou a facer «un frente común fronte ao españolismo».