Entrevista | Siro López Lorenzo Os seguidores da súa obra gráfica xornalística descobrirán a súa faceta de pintor e debuxante nas pezas que expón dende mañá na Fundación Araguaney
03 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O nome de Siro López Lorenzo (Ferrol, 1943) está ligado á caricatura, e non só pola interpretación que fai dos protagonistas da política galega nas páxinas de La Voz de Galicia. Pero agora decidiu facerlle sitio á pintura, un xénero artístico no que, sen ser neófito, se exercitou ate sentirse «máis solto». Así é como se animou a mostrar a súa obra de pintura e debuxo en varias mostras repartidas por Galicia no último ano. En Santiago inaugura mañá na sala de arte da Fundación Araguaney unha exposición que segundo di el «pode parecer antolóxica ou mesmo colectiva» porque no medio centro de cadros hai diversidade de temas, estilos e técnicas como óleo, témpera, acuarela, ceras, pastel e tamén algún carbón. -O que son é un vello debuxante que leva corenta anos publicando. Pintando levo dez ou doce. Pero non me animaba a expoñer por timidez e pudor. Tamén por comodidade e porque os meus gustos artísticos non están na onda do que piden as galerías. -¿Precisaba un escape a tanto personaxe político? -Sempre estarei en débeda coa profesión de caricaturista político, pola que deixei un ascenso firme na oficina técnica de Bazán. Creo que axudei a dignificar o caricaturismo político, pero tamén paguei un prezo, porque teño que demostrar que esa non é a única faceta artística que domino e nas que deixo saír o lirismo, o expresionismo e todos os ismos. Pintar é a miña forma de loitar contra o tedio, contra a frustración e contra todo o que dá medo, como a morte. -¿A sátira é un exercicio ao servizo da súa arte? -Aínda que cando empecei non tivese as cousas tan claras e cometín algún pecado orixinal, souben cal era o meu camiño, e nel estaba dignificar a caricatura tratando de facer unha pequena obra de arte en cada unha. Éme imposible facer sátira, porque teño unha visión que mira debaixo das cousas, no interior do home. É a mirada do humorista a que sempre está aí, faga o que faga. -¿Que redime ate a Fraga? -Se cadra si, porque o meu humor busca facer sorrir, conmover... -¿O pincel é menos tirano que o lapis e o carbonciño? -Como debuxante teño moita experiencia, e penso que dei o nivel máximo que podía dar. Non aspiro a facer mellores cousas. Na pintura levo menos tempos. É un campo que permite investigar e procurar unha linguaxe persoal, que pode ser a que a min me falta, aínda que non sei ate que punto é iso o que quero, porque me gusta pintar para divertirme e facer aquilo que me dita o momento, o estado de ánimo que teña e tamén as persoas que tomo de modelos, porque dependendo delas, un cadro ten, ou non, máis cor, máis luz e máis expresividade. Hoxe por hoxe son algo así como un políglota plástico. -¿E literario, non si? -Pero no ensaio, porque no teatro son un intruso, cunha obra que enriba me premiaron, e teño que pedir perdón aos autores dramáticos. Vanme publicar o ensaio Sobre o humor de Cervantes no Quixote , finalista no premio Ramón Piñeiro. Cervantes foi o inventor do humorismo, e para min que non hai un humor máis cervantino coma o de Castelao.