Un candidato ao Nobel entre os nove finalistas aos premios literarios San Clemente
SANTIAGO
O candidato holandés ao premio Nobel de literatura Cees Nooteboom é un dos nove escritores finalistas da décimo terceira edición dos premios literarios Arcebispo Juan de San Clemente que convoca o instituto Rosalía de Castro e que fallan alumnos de segundo de bacharelato de catro institutos galegos (un por provincia) e do centro compostelán. As profesoras Carmen Ríos e Margarita Prado, responsables da selección das obras en lingua galega, castelán e estranxeiras traducidas ao castelán, fixeron pública a decisión xunto coa xefa de estudos, Maribel Martín. En novela galega optan tres autores non consagrados pero cunha traxectoria literaria firme como Francisco Castro, con Spam (Galaxia), María Reimóndez con O club da calceta (Xerais), e Diego Ameixeiras con Tres segundos de memoria (Xerais). Os candidatos en lingua castelán son Eduardo Mendoza con Mauricio o las elecciones primarias (Seix Barral), Vicente Molina Fox con El abrecartas (Anagrama) e Santiago Roncagliolo con Abril rojo (Alfaguara). En novela estranxeira son finalistas John Banville por El mar (Anagrama), Nooteboom por Perdido el paraiso (Siruela) e Haruki Murakami coa obra Kafka en la orilla (TusQuets).