Crónica | A USC honrou aos represaliados O emotivo acto reuniu a familiares de 44 profesores e cinco persoas de servizos vítimas da represión franquista
14 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.A emoción rachaba nos aplausos e as bágoas contidas asomaron nos ollos dos asistentes no Paraninfo da Universidade ao acto de honra aos profesores e traballadores da institución académica represaliados polo réxime franquista polas súas ideas progresistas dende o mesmo verán do 36 ata o ano 1944. A purga afectou ao 27,3% dos 150 docentes do claustro, entre eles a 14 dos 34 catedráticos. Acudiron preto de cen fillos, netos, irmáns e sobriños, chegados incluso de Porto Rico, dos 44 profesores e cinco porteiros de distintas facultades vítimas dos sublevados do 36, aínda que a de Santiago foi a única das seis que estaban nas súas mans na que non houbo fusilamentos. Dos dous profesores que viven asistiu Antonia Ferrín Moreiras (1914), que era axudante de clases prácticas na Facultade de Ciencias. Tamén era axudante na de Dereito Francisco Fernández del Riego, que escusou a súa presenza. Estaban representantes da vida académica e civil, destacando o alcalde compostelán e a conselleira de Cultura, e ausencias xustificadas, como a da conselleira de Educación. Foi un acto de vindicación, recoñecemento e conciliación, «de perdón sen amnesia», como subliñou Ricardo Gurriarán, doutor cunha tese que recuperou a memoria da puxante actividade científica desta Universidade frustrada pola Guerra Civil. E unha homenaxe de «verdadeira reconciliación do presente coa verdade e coa xustiza», segundo dixo o historiador e vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández Prieto. El foi quen nomeou un a un, e por facultades, mentres se proxectaban imaxes dos 44 catedráticos, profesores auxiliares e axudantes de clases prácticas que foron depurados coa inhabilitación absoluta ou parcial (nestes casos con tachas para exercer cargos de responsabilidade), ceses, destitucións, suspensión de emprego e soldo... Moitos colleron o camiño do exilio, outros resistiron lonxe da docencia ou illados nun exilio interior. Ao tempo, o reitor foille entregando, un a un, a medalla conmemorativa que fixo Díaz Pardo para a ocasión, incluído aos cinco porteiros sancionados. En nome daquel colectivo falou Nuria Calvet, filla de Fernando Calvet Prats (1903-1988), catedrático de Química Orgánica que foi rehabilitado no ano 44. O reitor, Senén Barro, pechou os discursos pedindo desculpas como institución polas «sombras lúgubres e alongadas», polos «dedos, reitores ou non», que subliñaron a persoas, asinaron documentos ou non se levantaron en contra. A solemnidade rachouna o grupo Marful con catro cancións que se escoitaban nos anos 30 e 40 nos salóns de baile. Non faltou no Paraninfo o Laudeamus Igitur , cantado polo Coro Universitario, para poñer fin a un merecido recoñecemento.