Reportaxe | Día do Libro Infantil e Xuvenil Área Central acolle dende o venres e ata hoxe unha serie de iniciativas para fomentar a lectura entre os máis pequenos: unha exposición de libros, contacontos e obradoiros
31 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?ue os rapaces lean. Bonito labor lles tocou aos pais, pero qué complicado nun mundo que se ve na pantalla da tele e que está dirixido polos mandos da Play. A literatura máis próxima que teñen moitos cativos son as mensaxes de móbil ou as instrucións da última consola de moda. ¿Que teñen que facer os pais ao respecto? Que os rapaces lean. Vaia desafío. ¿Paga a pena? Calquera que lese de neno e que vibrase coas aventuras dos heroes impresos en páxinas de papel sabe que si, que ben paga a pena. Toda achega nesa liña é pouca, pero toda suma. E unha máis é a que esta fin de semana se desenvolve en Área Central para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que se celebra mañá. A data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen serve de escusa para atraer aos rapaces ao mundo da lectura. En Área Central hai unha mesa instalada dende o venres cunha chea de libros á venda -e con descontos de ata o 10%- que intentan seducir aos rapaces cara ao mundo da lectura, aínda que tamén hai algunha obra para os pais. Son libros de nove editoriais galegas e escritos en galego. É o segundo ano consecutivo que o Consorcio Editorial Galego e o centro comercial se poñen de acordo para impulsar a iniciativa. O xerente de Área Central, Juan Carlos Losada, explica que este ano «a acollida está sendo mellor que na edición pasada». En concreto, Xoán Pazos, do Consorcio Editorial apunta que o primeiro día xa se incrementaron as vendas nun 20% con respecto á mesma xornada do ano pasado. Ademais dos libros, hai varias actividades. Entre elas, os contacontos, obradoiros de ilustración e monicreques, que intentan encandilar aos pequenos para que vexan que o mundo da lectura vai moito máis aló do monótono que poidan resultar tantas letras negras sobre fondo branco. Onte achegouse a autora Fina Casalderrey, que estivo asinando libros. O recinto estivo ateigado de rapaces. Hoxe haberá máis e, a partir das seis, uns monicreques da compañía Fantoches Baj representarán a obra Tío Miseria . Despois, un contacontos narrará o libro Piratas e corsarios, contos verídicos , de Rafael Lema. Tanto Pazos, pola parte dos editores, como Losada polo centro comercial, coinciden en que Área Central é un bo emprazamento para a feira porque hai un tránsito constante de xente e porque o centro xa está afeito a acoller todo tipo de feiras. En todo caso, hoxe é o último día da feira, que abrirá ás once da mañá e pechará ás dez da noite. Paga a pena intentalo. Para que os rapaces lean.