«Intentamos mudar as cousas, non ser redentores»

María Míguez

SANTIAGO

A nova versión da obra de Shakespeare da compañía ourensá pódese ver hoxe no Teatro Principal

28 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ambición, traizón, crime. Temas tan vellos coma a propia humanidade pero que nunca pasan de moda e non deixan de atraer nin aos espectadores ás salas nin aos directores que os recuperan unha e outra vez. Sarabela Teatro, con Fernando Dacosta na pel de Macbeth, trae unha nova versión do clásico de Shakespeare, tantas veces versionado pero que segue tan actual coma hai catro séculos.

-¿Como se sente ao dar vida a un personaxe ao que tantos grandes interpretaron antes?

-Dende o punto de vista do actor buscas referentes internos e externos para interpretar, aínda que eu non me fixei noutros. O que fixen foi ler moitas veces o texto, xunto coa directora e os outros actores, para intentar comprender as suás motivacións.

-¿Viu algunha das outras versións para inspirarse?

-Xa vira a de Welles e algunha outra, pero no momento da nosa montaxe, non volvín sobre ningunha delas. De calquera xeito, Macbeth está presente en todo tipo de películas, por exemplo nas de acción. É sempre un referente en moitos tiranos que actúan publicamente.

-Antes falaba de referentes internos. Non nos asuste e aclare esta cuestión, por favor.

-(Ri). Por sorte para a sociedade, non hai que experimentar en primeira persoa as vivencias que se interpretan. Todos temos instintos, maldades, e o que hai que facer é exploralos e intentar ver cómo se sente ese personaxe.

-¡Ah, menos mal! ¿Por iso a ambición e a traizón atraen tanto?

-Os conflitos claros e descarnados son temas universais que atraen a todo o mundo. O xugo e o xogo está no matiz que se lle dea.

-¿É certo que un se sente máis actor sobre as táboas que ante a cámara?

-Non o sei. Son maneiras distintas de traballar. Para min hai que sentirse actor sempre. No teatro tes unha resposta directa da xente e, se sae ben, pode que no momento a maxia sexa maior. Pero, repito, hai que sentirse actor sempre.

-¿E sobre o de que para ser actor de verdade hai que interpretar a Shakespeare?

-Non. Hai moitos autores e personaxes marabillosos. Todo depende de cómo se afronten os traballos.

-¿A guerra de Macbeth é distinta das de hoxe?

-Helena Pimenta, a directora, di que a violencia na obra é cruda, pero que os tempos non mudaron. Hoxe hai tiranos que informan de que van invadir un país, hai outras guerras das que non se sabe absolutamente nada... Hai que intentar paralizar isto, e a opinión pública é fundamental.

-¿É o teatro a súa parcela de responsabilidade?

-¡Ogallá puidésemos concienciar máis! Aínda que estamos no terreo do ocio, nós intentamos mudar as cousas, pero non ser redentores.

-O teatro galego hoxe está...

-Resistindo. Porcentualmente, as cifras non son malas en absoluto, a pesar do que se poda crer, pero si hai que promocionalo e mimalo máis.

-Para que se encha a sala, ¿por que ir ver unha obra xa tan coñecida?

-A forza escénica da representación toca o interior dos espectadores e serve para a reflexión. É unha obra que impacta e que non se esquece. Ademais, vanse divertir coa traxedia.