Despedida da profesión

Rubén García é director ?da Mostra de Ribadavia e ?da Feira de Teatro de Galicia

SANTIAGO

18 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai uns poucos anos foime retirada a dirección da Feira por cousas que agora non vén ao conto mentar, pero o que si quero, antes de nada, é dar as grazas ao Igaem pola confianza posta en min para volver.

A Feira debe abranguer distintas disciplinas escénicas que garantan a innovación e a difusión artística, contribuíndo á dinamización da industria das artes escénicas e a súa promoción, facilitando a contratación e circulación das compañías galegas polos circuítos de exhibición estatais e estranxeiros. Debe ser un espazo de libre circulación de ideas, artistas, creacións e iniciativas, implicado na dialéctica da comunidade que a produce, sufraga e disfruta. Ten que ser un punto de encontro para a irradiación da imaxe de Galiza e da cultura teatral e unha ferramenta imprescindible de transformación social.

Esta podería ser a filosofía da Feira. Estou convencido de que o achegamento aos países lusófonos vai ser un enriquecemento e intercambio dunhas culturas ás veces esquecidas tan pertas de nós.

Hoxe sóbese o telón da Feira, e quero aproveitar para comunicar que teño que «baixar o meu telón». Baixo o meu telón despois de máis de trinta anos dedicados ao teatro, xa que unha despiadada e fodida enfermidade dexenerativa non me permite seguir. Que mellor que despedirme da profesión na Feira á que tantos anos dediquei e pola que que pelexei. Sodes moitos e bos amigos, os que fixen nestes anos e sei que sempre estaredes aí.

Agora irei dar unha volta pola Rúa Nova, pois seguramente atoparei a sombra dun teatreiro co seu chapeu que se foi de viaxe hai uns anos, e falaremos e berraremos de teatro. Desexo de todo corazón longa vida á Feira, e non quero rematar sen dar un sincero e sentido ¡VIVA O TEATRO GALEGO!