Avelino Pousa Antelo recibiu o título de fillo adoptivo de Teo nun acto cheo de emotividade no que o galeguista provocou tantas bágoas de risa como de emoción
25 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.«Grazas, moitas grazas, e repetidas grazas ao Concello de Teo». Con esta sinxela mensaxe, Avelino Pousa Antelo, histórico galeguista e presidente da Fundación Castelao, afincado dende hai anos en Os Verxeles, recibiu onte o título de Fillo Adoptivo de Teo. Isto aconteceu nun acto cheo de emotividade e algún que outro ataque de risa incontrolada ante o discurso de Pousa Antelo, que aos seus máis de noventa anos mostrou unhas dotes de humorista dignas dunha estrela de televisión.
O programa do día estivo cargado de discursos moderados por Carme Hermida, concelleira de Cultura. O primeiro en intervir foi Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, que presentou a Pousa como «mestre, loitador, vello mozo, optimista e sentimental» e sinalou que o recoñecemento a Pousa Antelo é unha proba «da riqueza moral deste concello». Amosando a súa vinculación persoal co fillo adoptivo, Villares engadiu: «Estaba de Deus que nos tiñamos que atopar aquí». En canto a súa faceta como político dentro do Partido Galeguista, Villares, falando xa como historiador sinalou que o escaso peso que tiveron estas siglas na etapa da súa reaparición «a verdadeira perdedora foi a política galega».
Despois de que Hermida dera lectura a algún dos abondosos escritos de apoio ao nomeamento, e de que se ofrecera unha actuación de Mini, Mero e Eduardo (membros da formación A Quenlla) e as pandeireteiras de Cacheiras, chegou o momento de escoitar a prosa de don Avelino, que en varias ocasións provocou que os asistentes ao acto se ergueran como evidente sinal do recoñecemento á súa figura e á súa persoa.
De seminarista a galeguista
Cun discurso tan áxil como intelixente, Pousa Antelo lembrou a súa etapa como promotor do cooperativismo agrario, na que fomentou o asociacionismo con frases como que «nas explotacións de tres ou catro vacas, aínda que deran champaña non eran rendibles». Precisamente, o homenaxeado falou de que a súa primeira relación co concello de Teo chegoulle cando impartiu charlas sobre cooperativismo, promovidas polo servizo de Extensión Agraria, con sede en Padrón.
E malia que a data de onte quedará marcada na súa memoria, o presidente da Fundación Castelao viaxou ata o 10 de maio de 1931, día no que escoitou ao autor de Sempre en Galiza e caeu na conta de que o seu xa non era o seminario. «Custaríame traballo, pero penso que podería ter chegado a bispo. Eu rezaba todos dos días para conservar a vocación, pero pasoume como as latas de sardiñas, se non hai sardiñas non hai nada que conservar», recoñeceu.
Antes de rematar coa frase feita de «con isto e un biscoito....», Antelo deixou máis verbas para a historia de Teo cando dixo: «Sigo sendo inconformista, aínda que, afortunadamente, xa non hai que selo de tantas cousas».
O encargado de pechar o acto de nomeamento foi o alcalde de Teo, Martiño Noriega, quen tiña sinalado en moitas ocasións que unha das súas teimas persoais e políticas era, precisamente, a de promover o recoñecemento da institución do Concello de Teo da figura de Avelino Pousa Antelo. Nun breve discurso sinalou: «Hoxe, no concello de Teo todos somos mellores porque un bo e xeneroso ten a ben ser adoptado por todos nós, veciños e veciñas, cidadanía activa e transformadora que premia por unha vez aos que perderon en moitas ocasións».
Noriega, dirixíndose a Pousa, engadiu: «Cumprimos cunha encomenda, poñemos o nome do noso concello ao teu carón, entrando na historia dos que apostan por riba de todo por acompañarse de boa xente, xente que cada día ensina aos seus veciños un ideal irmandiño de fraternidade e de compromiso co país, o ideal da Xeración Nós, o exilio interior e a esperanza, patrimonio sen exclusións de todo o Concello de Teo, de todo o pobo galego».